A importancia de avanzar cara modelos de investigación máis transparentes, colaborativos e accesibles centrou a I Xornada de Ciencia Aberta e Ciencia Cidadá, un encontro que reuniu a persoas expertas de referencia do ámbito universitario e investigador no Centro de Estudos Avanzados. A sesión tiña como obxectivo reflexionar sobre os retos e oportunidades de incorporar activamente a cidadanía nos procesos de investigación para favorecer a circulación do coñecemento máis aló dos espazos académicos tradicionais.
A xornada foi inaugurada pola vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta, Almudena Hospido; a directora do iHUS, Laura Lojo, e o director do Idega, Rubén Lois. Hospido sinalou que a Ciencia Aberta e Ciencia Cidadá son “un novo modelo para producir, avalar e transferir coñecemento”, sendo un “desafío que debe abordarse colectivamente”. Pola súa banda, Lois alegou que “a igualdade é o ADN das Ciencias Sociais e deben existir modelos de gobernanza que compartan a ciencia coa poboación, non pode estar só pechada nas universidades”.
O evento, concibido como unha actividade conxunta dos centros de investigación iHUS e IDEGA, foi organizado polo decano da Facultade de Filosofía, Xavier de Donato (membro do consello científico do iHUS), e o proxecto de investigación Global Borders. A comunidade participante elaborou un estado da cuestión sobre a ciencia aberta e a ciencia cidadá, identificando boas prácticas, retos pendentes e oportunidades de mellora. “Trátase de pensar como a USC pode fortalecer os seus procedementos, políticas e estratexias neste ámbito dun modo transversal, igualitario e sen nesgos, integrando estes principios na investigación, na docencia, na transferencia e na relación como sociedade”, explicou o organizador.

A ciencia aberta é o paraugas que engloba distintas formas de practicar a investigación que promove o acceso libre ao coñecemento científico: publicacións, datos, metodoloxías, códigos, materiais docentes e procesos de avaliación. Nela inclúese a ciencia cidadá, que implica á cidadanía dende a recollida e análise de datos ata a definición de problemas, a interpretación de resultados ou a aplicación social do coñecemento. O encontro deixou patente que estes procesos se enriquecen con saberes diversos e experiencias situadas.
“A cidadanía escribe unha historia compartida, o que supón a democratización do coñecemento. Ao garantir o acceso libre da ciencia multiplicamos a intelixencia colectiva”, sostivo Laura Lojo, directora do iHUS. Así mesmo, as persoas participantes salientaron que o mando reitoral recentemente inaugurado incorpora por primeira vez na USC unha Vicerreitoría de Investigación e Ciencia Aberta, o que ofrece “unha oportunidade institucional especialmente relevante para impulsar esta transformación de maneira coordinada e estratéxica”.




