Un equipo do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) rexistrou na Propiedade Intelectual unha nova metodoloxía que permite elaborar análises económicas e ambientais cun nivel de detalle territorial moi superior ao que ofrecen as ferramentas convencionais. Denomínase Path-Q-Plus para a interrexionalización de marcos contables input-output, investigación desenvolvida na tese doutoramento da economista Uvenny Quirama Estrada, dirixida polos profesores Xesús Pereira López e Melchor Fernández Fernández, que figuran tamén como autores do rexistro.
Os chamados marcos contables input-output (é dicir, sistemas estatísticos que describen como se relacionan as distintas industrias: quen produce, quen compra e quen utiliza eses bens e servizos) constitúen unha ferramenta fundamental para medir o impacto das actividades económicas. Con todo, adoitan establecerse para ámbitos territoriais amplos, ofrecendo menos información sobre o funcionamiento de áreas máis pequenas.
A metodoloxía desenvolvida no IDEGA permite trasladar esa información a estas escalas territoriais máis reducidas para obter unha representación precisa das conexións económicas existentes entre distintas zonas.
No marco da tese de Quirama, o primeiro exercicio de validación realizouse en Galicia. A investigadora definiu cinco grandes áreas funcionais —A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo— empregando como criterio principal os desprazamentos por motivos laborais, é dicir, onde viven as persoas e onde traballan. A partir desa información foi posible localizar os principais centros de produción e caracterizar con maior precisión a distribución territorial da actividade económica.
Esta capacidade de análise abre novas posibilidades para o deseño de políticas públicas e estratexias de desenvolvemento adaptadas ás características específicas de cada territorio. Ademais de medir impactos económicos, a metodoloxía facilita a avaliación de efectos sociais e ambientais, proporcionando información máis detallada para a planificación e a toma de decisións. Segundo destaca a investigadora Uvenny Quirama Estrada, o obxectivo é dispoñer de ferramentas que permitan comprender mellor a diversidade territorial e adaptar as políticas públicas ás necesidades reais de cada ámbito de estudo.




